Hosting y alojamiento web en

ASOCIACIÓN GALLEGA DE ANESTESIOLOGÍA, REANIMACIÓN Y DOLOr

A XUNTA E A ASOCIACIÓN GALEGA DE ANESTESIA COLABORARÁN NA PROMOCIÓN DO PROCESO DE DOAZÓN E TRANSPLANTE

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) e a Asociación Galega de Anestesia, Reanimación e Terapéutica da Dor (AGARyD), asinaron hoxe un convenio marco de colaboración, para a definición e posta en marcha de actividades de colaboración técnica, científica e docente, que promovan a necesidade de coñecer e actualizar o proceso de doazón e transplante, como medio para acadar a implicación dos profesionais, actuais e futuros, dos servizos de unidades de coidados críticos/reanimación, especialmente naquelas iniciativas dirixidas á consecución de doazóns, o que permitiría unha maior posibilidade de transplante para os pacientes. 

O convenio foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e polo presidente de AGARyD, Servando López Álvarez. No acto, que tivo lugar no Edificio Administrativo do Sergas, estivo presente, así mesmo, a directora de ADOS, Marisa López.

Esta sinatura enmárcase dentro das iniciativas do departamento sanitario galego dirixidas á promoción das doazóns que permitan unha maior posibilidade de transplantes para os pacientes da nosa comunidade, sendo preciso establecer protocolos de colaboración entre ADOS e as sociedades científicas, como foi no seu día o convenio asinado coa Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias. 

Programas divulgativos e de formación e campañas informativas

Entre as liñas de colaboración recollidas no convenio hoxe asinado entre o conselleiro de Sanidade e o presidente de AGARyD están o desenvolvemento de programas divulgativos e de formación para mellorar o coñecemento dos mecanismos e vías para posibilitar a doazón; así como a promoción de campañas informativas de promoción da doazón dirixidas aos profesionais das unidades de coidados críticos/reanimación.

Cómpre remarcar que, xa no ano 2018, A Axencia Galega de Órganos e Sangue e a Asociación Galega de Anestesia organizaron un curso sobre a doazón en asistolia controlada e, no ano 2021, colaboraron nunha webinar sobre o mesmo tema. 

DATA 07 02 2023 ORIXE: https://saladecomunicacion.sergas.gal/Paginas/DetalleNova.aspx?idioma=ga&idNova=13192&vista=clasica